Cabecera
cabecera

Aínda non visitaches o Centro de Investigación e Divulgación do Patrimonio Cultural de Moraña?

Pode ser visitado os luns e mércores de 17:00 a 19:00 horas e os venres de 12:00 a 14:00.

O pasado 24 de xaneiro o Concello de Moraña inaugurou o Centro de Investigación e Divulgación do Patrimonio Cultural de Moraña, un edificio que albergaba a antiga escola de Santa Xusta situado no lugar de Rial, na parroquia de Santa Xusta. A historia deste edificio ten a súa orixe en 1796 cando Manuel Blanco Bugallo emigrante en América, fundou esta escola. Funcionou como escola ata 1823, mais en 1849 retomaríase a actividade para en 1917 erguerse o edificio actual.

O centro consta de varias salas nas que se fai unha viaxe no tempo no que presente e pasado interaccionan porque entendemos que a vida mesma é un percorrido circular. O que tentamos é trasladarnos á vida pasada dos nosos ancestros coa recreación dun espazo cargado de símbolos, historia e significados e facer un paseo polo legado cultural e histórico do noso territorio. E baixo o lema de Moraña, ecos de tradicións sacras baixo un espírito indómito queremos recoller a esencia dun pobo cargado de tradición e historia onde relixiosidade, prehistoria, festas e tradicións van collidos da man.

Na entrada ao edificio,  e  como recoñecemento á esencia do lugar, é dicir a escola de Santa Xusta, adentrámonos na propia aula cunha recreación dunha escola dos anos 60 para evocar a aqueles nenos e nenas de Moraña que deixaban as súas tarefas do campo para aprender e estudar.

A relixiosidade, os ritos e crenzas ancestrais tamén están presentes nesta exposición coa mostra dunha igrexa para salientar o importante fervor relixioso que caracteriza a Moraña. E como exemplo, as fortes devocións  a Santa Xusta de Moraña, a San Roque e á Virxe dos Milagres de Amil que a tantas xentes atraen a estas terras e cuxa historia está plasmada en textos e fotos polas paredes que rodean este espazo.

Chegamos agora ao espazo central do edificio onde se recolle o significado primordial deste centro coa idea do círculo da vida, representado mediante unha mámoa que recolle no seu interior a imaxe de olas, vasos, machados ou ferramentas que eran algúns dos materiais conservados no interior destas tumbas. A mesma idea de tornar ao círculo da vida volve estar presente coa presentación dos petróglifos existentes no noso territorio dos que destacamos de maneira especial o menhir, coñecido como a Lapa de Gargantáns, que consiguen transportarnos á nosa prehistoria. E xa para rematar con esta sala emblemática presentamos o tema das montarías e batidas de lobos por un lado, e a rapa das bestas por outro. No caso das montarías facemos alusión de novo ao círculo, neste caso da morte, coa lembranza das batidas de lobos que se facían nos montes de arredor para acosar ao lobo e matalo. En Moraña lémbranse batidas de máis de douscentos homes. En canto ao tema das rapas das bestas salientamos o círculo da dominación que nace coa vontade do ser humano de controlar e dominar a libertade allea e coa que realmente facemos un regreso ao estado natural, a recuperación da liberdade er o orgullo daqueles seres salvaxes que representan realmente O ESPÍRITO INDÓMITO DE MORAÑA.

Para rematar este percorrido polo centro só fica por amosar esta última sala, que aínda que se ten pensado sexa unha sala de audiovisuais, proxeccións e charlas e conferencias, na actualidade acolle unha exposición baixo o título Os oficios tradicionais galegos. De novo, unha volta ao noso pasado para lembrar os oficios de antano, como zapateiros, arrieiros, zoqueiros, afiadores, cesteiros, carpinteiros, canteiros, xastres e costureiras, etc moitos deles desaparecidos ou en proceso de desaparecer que nos traen ao noso maxín os tempos atrás vividos e co que pretendemos revivir e ter presente o noso máis prezado legado histórico.

GOCEN POR TANTO DA RIQUEZA CULTURAL E HISTÓRICA DO CONCELLO DE MORAÑA

 

Video do Centro

 
Galería Fotográfica
 
Recreación dunha escola
Pupitre Antigo
Recreación dunha Escola
   
Recreación dunha Escola
Entrada á Exposición
Antigos Alumnos da Escola
     
Reproducción dunha Igrexa
Exposición Central
Raposo
     
Pel de Ouvella
Reproducción dun Castro
Crin de Cabalo
     
Accesorios
Petroglifos
Rapa das Bestas
     
Rapa das Bestas
Segunda Sala
Exposición Oficios
     
Exposición Oficios
Exposición Oficios
Exposición Oficios