|
Lapa de San Martiño de Gargantáns. Consiste nunha pedra colocada en posición vertical, típica construción da cultura megalítica do NO europeo e cuxa función exacta se descoñece. Relaciónana con signos funerarios, relixiosos ou conmemorativos, antigas lindes territoriais entre tribos ou tamén hai quen afirma que puidese ser un monumento dedicado ao sol. Está situado na parroquia de Gargantáns, nunha zona de importantes restos arqueolóxicos, onde tamén se encontran un castro, unha mámoa e unha rocha con petróglifos. Este menhir seccionado que pode datarse entre 3000-2000 a.c, descríbese como monolito de 1,92 m de altura, de gran simplicidade e forma cónica con gravados en ámbalas dúas caras e numerosas fosetas e trazados sinxelos. Crese que non se asenta sobre o seu sitio orixinal e que foi trasladado aí (por motivos descoñecidos) en tempo inmemorial, pois ten a base cortada, polo que seguramente aínda tiña máis altura. Foi descuberto en 1958 e por ser único nas súas características en Galicia e pola súa importancia, foi escollido como elemento predominante no escudo do Concello. |