|
Festa do carneiro ó Espeto . Festa gastronómica de gran repercusión en Galicia e declarada de interese turístico, que se celebra na carballeira de Santa Lucía o derradeiro domingo do mes de xullo. Destaca pola súa peculiaridade, pois é a única destas características que se celebra en Galicia, onde o principal protagonista é o carneiro. A forma da súa preparación remóntase aos anos vinte, cando un morañés xubilado na Arxentina, xunto a un mozo arxentino preparan varias comidas campestres nas ribeiras do río Umia, nas que asaban carneiros ao estilo "pampero". O éxito foi rotundo e converteuse nunha tradición tipicamente morañesa ao longo dos anos, pois degustábase en tódalas celebracións (bautizos, vodas, festas patronais, etc), o que decidiu aos responsables da Festa da Xuventude (concello e mozos e mozas de Santa Lucía) a organizar unha festa gastronómica baseada no éxito do carneiro ao espeto como acto central destas celebracións, e que pronto co transcorrer dos anos se convertiría nunha das celebracións gastronómicas de máis renome na Comunidade Galega, atraendo a cada vez maior número de comensais. A festa do Carneiro ó Espeto celébrase nun marco incomparable, a carballeira de Santa Lucía, nela ásanse os carneiros de forma lenta, máis de oito horas, abertos en canal en forma de dobre cruz sobre unha estrutura de ferro, colocados en círculos arredor das brasas de madeira de carballo. Os organizadores da festa colocan previamente ao día da celebración por toda a carballeira, as mesas e bancos para grupos de 20 persoas, onde poden chegar a xuntarse un total de 3.000 persoas á hora da comida. Estes grupos de persoas teñen que encargar con antelación o lote, que consiste nun carneiro ao espeto, empanadas de zorza e bacallau con pasas, viño, pan e café. A xente que non encargue o lote pode degustar este manxar nos diferentes establecementos hosteleiros do concello. Con todo, hai que dicir que os días anteriores á festa organízanse toda unha serie de actos culturais, deportivos, etc. que fan a ledicia dos morañeses e morañesas e visitantes que ao chegar a noite gozan das verbenas. |