|
Festa do Porquiño á Brasa. Festa que se celebra no lugar da Chan (Amil) o último domingo de Agosto. Foi creada en 1990 coa intención de dar un aire novo á xa tradicional Festa do arrieiro (1976), que estaba dedicada como ben o seu nome indica aos arrieiros, profesión con gran arraigamento na zona. Os arrieiros eran persoas que se dedicaban a ir a Ourense, á zona do Ribeiro, a buscar o viño en tinallas enriba dos cabalos ou burros para logo vendelo ou para autoconsumo. Posto que a Festa do arrieiro se estaba convertendo nunha simple verbena nocturna, varios veciños tiveron a idea de revivir esta festa coa exaltación dun produto típico da economía rural galega. O animal elixido foi o porco tenro, entre 12-14 Kg para facelo á brasa. Con varios días de antelación, deben reservarse os lotes, que consisten nun porquiño á brasa, empanada, viño tinto e auga, pan, bicas de sobremesa e café de pota. Unha agradable comida situada nun marco ideal dende onde se divisan os prados do val e acompañada de xogos populares e exposicións culturais que complementan a xornada. |