|
|
A Rapa das Bestas.
Traballo gandeiro convertido en festa dende tempos remotos, celébrase no monte do Acibal (Amil) preto do Marco da Estada, onde se unen os concellos de Pontevedra, Campo Lameiro, Barro e Moraña na fin de semana seguinte á rapa de Sabucedo. Caracterizada pola súa espectacularidade, esta festa ten raíces moi antigas. Un grupo de mozos do lugar, con gran pericia e valentía, soben ao monte Acibal, onde campan libres e salvaxes un bo número de cabalos. A riqueza paisaxística do lugar e a espectacularidade do agrupamento do gando, é aproveitado para atraer a un gran número de visitantes. Aparte das magníficas vistas panorámicas dende o cume do Acibal, todo o seu contorno evócanos unha serie de cultos ancestrais e pagáns practicados polos antepasados. O primeiro paso é ir agrupando e dirixindo os cabalos a unha zona denominada O Pastizal, extenso prado chan e cercado de aproximadamente 19 hectáreas, onde un gran número de público se agrupa para, unha vez reunidas tódalas reses, ver como os apeitadores montan, arrocan e marcan as bestas e cabalos, córtaselle as crins ás bestas, e márcanse os poldros para logo volver a soltalos ao seu medio salvaxe ata o próximo ano.
|
|